Camiño de Santiago

Arzúa, antesala de Compostela

 

Última poboación de importancia na derradeira etapa do Camiño Francés e Norte dos peregrinos que viaxan cara a Santiago de Compostela.

 

Aínda que as súas orixes se remontan á época romana, é durante a época medieval cando Arzúa adquire unha singular importancia como lugar de repouso e descanso dos innumerables peregrinos que polo Camiño Francés ían en dirección a Santiago, atopando aquí o lugar adecuado para repoñer forzas e afrontar así o último traxecto ata Compostela.

 

Isto dedúcese do Códice Calixtino, cando entre os lugares do roteiro que sinala como importantes cita “Vilanova”, equidistante entre Castañeda e Ferreiros, identificando así xeograficamente a actual Arzúa como a décimo terceira e última etapa do Camiño Francés cara a Compostela.

 

Restos desta época constitúenos os dous hospitais para peregrinos, un deles o de Ribadiso, reconstruído e reconvertido en albergue xacobeo e o do convento dos Agostiños, do que se conserva en parte a fábrica e a capela da Magdalena, que era a igrexa deste.

 

En calquera caso, son múltiples as evidencias que relacionan Arzúa co Camiño, ademais dos nomes alusivos, como Santa María e Santiago, que levan as dúas parroquias que forman a vila, no propio escudo figuran cunchas, a estrela e a urna, elementos dunha evidente e clara tradición xacobea.

Contacto e Reservas

Tel. 981 500 083

Fax. 981 500 880

reservas@casateodora.com

Información